Para un limiao coma min falar de Carlos é falar dun pai, dun mestre, dun amigo. Faise difícil pensar que xa pasasen dez anos da súa morte. E esta estrañeza ten que ver coa súa presenza constante nas nosas vidas. Carlos segue vivo e a súa sombra poderosa segue a planear sobre as pequenas cousas que nos acompañan día a día. Carlos, como excelente escritor que era, deixou un gran proxecto narrativo que fai que non o botemos tanto de menos porque as súas obras están aí, coma unha conversa constante e eterna. Quen nos falta é o home, ese gran xestor cultural, ese humanista conciliador, ese home culto sen excesos nin erudicións estrafalarias, ese conversador que nos engaiolaba coa súa voz lenta na que se cifraban historias fantásticas. Si, botamos de menos o home que concitaba tanto cariño e admiración en todos os eidos da sociedade, o mestre que tanto nos aprendeu coa súa prosa limpa, esencial, milimétrica, posta ao servizo desas grandes historias que tant@s lector@s carrexaron para a nosa lingua.