Esta mañá presentábase nun acto para a prensa no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, Blues para Moraima, a novela coa que Miguel Anxo Fernández gañaba o Premio Blanco Amor no 2016. Unha obra na que se combinan memoria histórica, elementos de thriller policial e unha sentida homenaxe ao cinema político. Miguel Anxo Fernández asina aquí o seu proxecto literario máis ambicioso cun relato de grande axilidade narrativa e unha intriga que apreixa ao lector. Acompañárono nesta presentación o presidente da Deputación de Ourense, José Manuel Baltar, e o presidente da Editorial Galaxia, Antón Vidal.