Presentación de 'Marxinados' de Pepe Carballude na Estrada

Categoría: Nova

Este martes, o escritor Pepe Carballude, acompañado do escritor Xosé Neira Vilas, de Carlos Mosteiro, profesor de Literatura Galega e de Francisco Castro, da Editorial Galaxia presentará o seu novo libro, publicado na colección Costa Oeste, 'Marxinados'.
'Marxinados' é unha historia fermosa e emotiva de nenos e adolescentes que viven nun centro de menores, fálanos dun mozo que destacaba como xogador de baloncesto pero que un día decide deixalo e ir traballar como educador ao internado onde tamén el foi criado. Está alí para botar unha man a nenos e nenas que, coma el, foron excluídos por unha realidade que os puxo fóra: pais e nais atrapados na miseria, nas drogas… Pero tamén está alí a causa dunha historia de amor. Unha novela para pensar e reflexionar sobre as persoas que non poden facer nada por cambiar as cousas, pero tamén unha novela para pensar e reflexionar nas persoas que as cambian para mellor, todos os días. Un conmovedor libro que nos chega a todos ao corazón e que non deixa indiferente a ninguén.
Pepe Carballude é escritor, tradutor e profesor de latín do Instituto Neira Vilas de Perillo. Aparte da súa traxectoria profesional na que destacan traducións de poetas latinos ou a obra A vida diaria dos romanos, ten un longo percorrido na literatura galega, podemos dicir que é un dos escritores principais de literatura infantil e xuvenil galega con títulos como: Investigación 091, O talismán dos druídas, Xograres dun tempo novo, Miña avoa ten 13 anos, Andainas de Pedro Chosco, SOS, ¡Maldito DNI!, Paisaxe con fondo gris, Andrea quere ser maior, Romaxe de desventuras, A fraga misteriosa, De como o Santo dos Croque se fai peregrino co que obtivo o Premio Barco de Vapor de literatura en galego no ano 2002, O deus desaparecido Premio Barco de Vapor de literatura en galego no ano 1990 ou Os gazafellos Premio Barco de Vapor en 1986, etc.

Compartir na redes sociais: