De reflexos e continuidade

Categoría: Opinión



Engánchome no 2008 a unha Grial que, desde 1963, mantén a súa natureza de punto de encontro, centro divulgador, altofalante de realidades galegas e universais e tamén espello das letras. Saio sempre da lectura desta sección coa forza do diálogo vivo que alí xorde, o que unha extensa rede de colaboradores vai establecendo número a número coas obras recén saídas ao prelo. Grial, en xeral, e o seu espello, en particular, garántennos un espazo para a literatura e a cultura onde seguir a descobrer novos títulos, onde poder reparar nas (outras) lecturas que estes suscitan.

Grial como continuidade, como resposta de permanencia ante un contexto que nos obriga a escoller o efémero e o urxente. Tamén espello que non só reflicte o que (nos) acontece senón que proxecta a nosa mellor imaxe. Grial como rede social en papel, taboleiro compartido e construído a moitas mans que visibiliza as múltiples caras da nosa cultura sobrevivinte á que –desde o papel, a vida e o píxel– non está de máis seguir asegurándolle todos os espazos que merece.

Compartir na redes sociais: