Despois da presentación de onte na Biblioteca Ánxel Casal de Compostela, segue a xeira de presentacións de 'María Fumaça', un proxecto literario e audiovisual, constituído por un libro máis un cd e un dvd que gravita arredor da festa e da felicidade, pero tamén arredor de Ruí, un cativo, coma tantos e coma tantas, que a pesar das súas dificultades pode gozar da música, cantar e bailar. Por iso, os temas musicais, así como o dvd insisten na festa e fan bo o lema que preside todo o traballo: 'Cantar e bailar para ser máis feliz'. Ademais dos temas de música, no que participa o máis importante da música galega, o dvd incorpora un mollo grande de clips, algúns deles con pictogramas, para que tamén quen necesita deste tipo de lectura poida gozala.
E así, este sábado, ás 18.30, na Casa do Libro, Uxía, Magín Blanco, Serginho Sales e outros membros da grandísima familia María Fumaça, subiranse ao escenario para cantar e bailar con todos e todas os que por alí queiran achegarse.
Estamos certos de que estamos diante dun dos libro-discos máis sorprendentes de todos cantos se teñen publicado na nosa lingua nos últimos anos. Por moitos motivos. Por exemplo e como sinalabamos, pola nómina enorme de xentes da música galega que se uniron para cantar máis de vinte temas (cos seus correspondentes videos e karaoke) para celebrar a alegría de vivir. Mais tamén porque é unha defensa da vida fronte a discapacidade, que pode estar nos corpos pero nunca nas almas que queren gozar.
O proxecto María Fumaça gravita arredor de Ruí, un cativo moi especial para quen os seus amigos músicos quixeron crear este libro-disco-dvd cheo de propostas pegadizas e tonadas marabillosas.
O traballo de ilustración, a edición dos videoclips, as letras… todo está pensado para que se cumpra o lema co que abrimos María Fumaça: cantar e bailar para ser máis feliz.