Palabras de Miguel Anxo Fernández ao recoller o Premio Blanco Amor

Categoría: Nova

O personaxe que provoca a trama de BLUES PARA MORAINA é Afonso, un vello profesor e cineasta exiliado que regresa a Galicia enfermo e a xeito de despedida. Realmente non quixo volver nunca desde que houbo de deixala de xeito traumático nos tempos da guerra civil. Un mozo xornalista de televisión consegue vencer a súa resistencia e iso provocará unha catarse de dimensións imprevistas. Consecuencias da diáspora e máis do exilio.
En Afonso hai trazos do cartellao Carlos Velo, do alaricano José Suárez, do celanovense Celso Emilio Ferreiro (polo Moraima da súa dona), e, naturalmente, do ourensán Eduardo Blanco Amor, que prestixia este premio que veño de recibir, e que gustaba do jazz como o meu Afonso.
Un dos trazos de Blanco Amor era a modernidade, non só a través da súa literatura, incorporando ao galego a actualidade da época. Tamén na súa paixón polo cine, paixón materializada en varios guions que non chegaron a filmarse, pero nos que manifestaba o seu compromiso coa realidade do país e cunha arte que pola metade do século XX xa gozaba do selo de vangarda. Foi o caso do guión Emigrantes, que ideou para a cámara de José Suárez para ser protagonizada por outra galega, Maruxa Villanueva. E podería seguir falando de Blanco Amor e das súas moitas achegas pero, seguro, que outros que me seguirán esta noite no estrado, farano de mellor xeito.
Este premio de novela longa que hoxe recibo é tamén a recompensa emocional máis elevada que se me concede nunha cidade na que me formei durante algúns anos. Fun aquel mozo do Carballiño que diariamente viaxaba no Auto Industrial, primeiro ao actual Instituto Blanco Amor (que feliz casualidade!) para facer o COU, e despois para a popularmente coñecida por Normal para formarme como mestre. Na casa non había posibles para outras aspiracións académicas e puiden facelo como un de tantos bolseiros naqueles anos.
Vou afirmar unha obviedad: un escritor faise escribindo.
Incorporeime á creación literaria hai apenas vinte anos, moi tarde para o que se estila, porque nunca me vin capaz de vestirme de escritor de ficción. Como moito, narrador, que pode considerarse un sinónimo pero que para min admite matices. Un narrador conta historias, e pode que baixo a influencia dos primeiros contos que escoitei ao pé da lareira cando neno na miña aldea materna en Freás de Punxín. Lembro aquel incómodo picor nos ollos ou o cheiro apegado ás roupas por mor do fume que secaba os chourizos.
Agora seica ascendo a escritor, e como tal tentarei dignificar a este premio, sen dúbida, xa unha responsabilidade futura no meu trato coa literatura.
Cando en poucas semanas saia do prelo Blues para Moraima, xa non será un xurado, serán os lectores, soberanos, quen axuícen se acertei ou non. Acertar para min serán dúas cousas, telos divertido no senso máis nobre da palabra, e terlles transmitido a sensación de restablecemento da dignidade propia para Afonso e todos a cantos contemporáneos representa o personaxe.
Non quero rematar estas verbas sen agradecer a paciencia e o esforzo dos membros do xurado, pois seguro que non foi unha decisión doada. Blues para Moraima competía con outras 21 novelas que, estou seguro, son produto dun inmenso esforzo creativo que desta vez non acadou recompensa, pero que ao tempo confirman a boa saúde creativa da nosa literatura. Oxalá algún día esas novelas atopen o seu destinatario prioritario: o lector.
Tamén quero dedicar unhas verbas a quen me acompañan no día a día, con todo o complicado que iso representa na andaina, na peripecia dun escritor sometido aos vaivéns do seu ánimo creativo: a miña muller Lola e o meu fillo Álvaro. Tamén para os meus pais, Amadeo e Elisa, xa maiores e impedidos para estar aquí, pero que seguro nunca imaxinaron que o seu fillo chegaría ata onde hoxe estou. E por suposto aos meus irmáns, Eva María e José Antonio; aos familiares e amigos aquí presentes, e a tódalas xentes de boa vontade.
Moitas grazas por acompañarme esta noite.
Blues para Moraima é para vostedes, lectores.
M.A.F.
Liceo de Ourense, 1-12-2018

Compartir na redes sociais: