Paixón de biblioteca

Categoría: Opinión

O vindeiro 24 de outubro celébrase o Día da Biblioteca. Este ano, o excritor Patxi Zubizarreta, expón no cartaz promocional un fermoso texto que fala de nós, as persoas que traballamos nas bibliotecas, e di, dun xeito lánguido e reconfortante, que somos xente apaixoada. Eu tamén creo na paixón. Hoxe en día a biblioteca é moitas cousas, de sobra por todos coñecidas, pero a fin primeira aínda responde a ese romanticismo: vou a tenderche unha man.

Cando pola porta entra esa indecisa señora e plantexa: –Quero unha novela, pero non sei que levar- e eu lle pregunto – ¿Que lle gusta?, ela sorrí. Debe de ser, que quedan poucos lugares onde fagan esa pregunta e agarden a escoitar a resposta. A miúdo piden unha novela sinxela, que non me dea que pensar, que non dea problemas, problemas xa teño eu dabondo, algo livián... Nós dicimos, –Veña comigo. E ela adoita seguirnos confiando no noso criterio e confía de todo no plan que temos trazado para as súas tardes de choiva ou as súas noites de insomnio. 

Cando día tras día o rapaz máis introvertido da cidade senta a ler banda deseñada no chan, fuxido,  ausente, irreverente, e un ve que escolle volver ao mesmo sitio, adoito pensar, que non erramos deixándoo autónomo e que foi acerto proporcionarlle un lugar. 

Cando ante nós desfila, só nunha tarde, o avó, a coidadora, a rapaza coa súa nai, o ciclista, a que sae de traballar, o pai coa mochila de Dora Exploradora, un neno co traxe de judo, dona Carme, Ahmed… creo que a nosa fortuna é a de contar co grande espazo onde collemos todos.

Imaxina unha grande botica chea de tarriños con soños que a xente pode soñar, imaxina escoller un xeado, imaxina unha solución, unha calma ao teu problema, imaxina unha compaña, un capricho, unha posibilidade, imaxina un apoio, unha paz, imaxina que é onde a ves sen que se dea conta, ou onde o viches por primeira vez, imaxina que está na túa cidade…

Leva moita razón Patxi Zubizarreta no seu discurso deste ano, eu tamén creo que somos beduinos que prendemos lume no cumio da montaña cando imos durmir….

Compartir na redes sociais: