Apples

Categoría: Opinión

Sempre me sentín atraída polas mazás, paréceme que condensan no seu voluptuoso corpiño as claves do éxito, senon por que ían a ser o fruto escollido polo Demo para nos tentar no paraíso…?

Quizáis pola súa frescura, polas súas cores vermellas que te agariman o ollar ata engaiolarte no desexo…

Quizáis porque lle caeu unha a Isaac Newton para aclararlle as ideas…

Quizáis sexa porque Os Beatles hipnotizaron a miña alma facendo xirar na miña adolescencia unha mazá verde no centro dos seus vinilos…

Quizáis porque Steve Jobs colocou unha mazá multicolor no meu escritorio e estilizouna ata o monocromo ao ritmo que co seu privilexiado soñar enchía a nosa vida cotiá de pequenas marabillas…
É paradóxico… suponse que xa non temos inferno ao que fuxir se nos aturde o tedio do paraíso… as persoas miramos cada vez menos para a nosa terra caia o que caia, os Beatles xa hai tempo que xiran a súa mazá na escuridade dun lector de CDs e acabamos de perder a un xenio que conseguiu amosarnos que a vida é para pelexar polo que queres aínda que todo se poña na nosa contra…

Pero seguen a gustarme tanto as mazás… porque elas e a música sempre formaron parte da miña vida, elas e as imaxes, elas e os libros, elas e a arte… e se isto é así é porque a cultura en todas as súas formas é parte do noso ser, absolutamente indisoluble do feito de pertencer á raza humana, isto, e a capacidade de renacer das nosas cinzas aínda que moitos pretendan sacárnolo todo… todo menos a capacidade de soñar… aínda que sexa con mazás.

Compartir na redes sociais: