Os Toribios onte no CEIP García Barbón

Categoría: Nova

Onte no CEIP García Barbón de Vigo presentouse a reedición da serie infantil dos Toribio. Cun contacontos para o alumnado de segundo de primaria que, previamente, leran as aventuras de Toribio coas súas profesoras. Este traballo previo permitiu que coñecesen xa a Toribio, á súa amiga Sara, o profesor Papafigovich de Moscova e o profesor Pardaus. Así a interacción entre Mai e o alumnado foi total como hoxe recolle o Faro de Vigo, La Voz de Galicia e Atlántico Diario. Tamén o Diario Cultural da Radio Galega deu conta da posta en escena destas cinco historias cheas de humor, de gran fantasía e con simpáticos inventos que crean tramas e situacións divertidas.
Casares foi un pioneiro en moitas facetas, tamén na de crear un personaxe na nosa literatura para realizar unha serie de historias, como xa había noutros sistemas literarios. El creou a Toribio, un neno de 8 anos, inventor de moitas cousas e que vive enfrontado ao temible profesor Smith.
O primeiro título, Este é Toribio, publicouse en 1991, ano no que sairía tamén Toribio contra o profesor Smith. Despois chegarían Toribio ten unha ideaToribio e o contador de contos e Toribio revoluciona o tráfico. Onte presentámolos renovados e para que os pequenos e as pequenas de agora os poidan gozar como fixeron onte.
 

Compartir na redes sociais: