Para conmemorar o Día das Letras Galegas de 2017, dedicado a Carlos Casares, a Editorial Galaxia publica unha biografía do escritor na que o relato da súa vida se relaciona coa súa obra e que a partir do primeiro de marzo estará nas librerías do país. Carlos Casares. Un contador de historias, asinada polo profesor Henrique Monteagudo.
A vida e obra do novelista ilumínanse mutuamente poñendo ao dispor dos lectores tanto os aspectos literarios coma os humanos da traxectoria do autor homenaxeado no Día das Letras Galegas.
As páxinas de Un contador de historias están constituídas polo relato da vida de Carlos Casares, no que se presta atención especial aos aspectos relacionados coa súa produción literaria e xornalística, sen esquecer a súa contribución á cultura e á sociedade galegas pero tendo en conta que Carlos Casares foi sobre todo un escritor e como tal debe ser principalmente valorado.
Para maior claridade na exposición, o profesor Monteagudo divide o percorrido biográfico en catro etapas que vencella con catro períodos da obra do autor de Ilustrísima: 1. A ledicia do verán: Infancia e mocidade en Xinzo e Ourense (1941-1962); 2. Soños prohibidos: revelación do escritor (1962-1974); 3. Vento de cambio: tempos de crecemento (1975-1985); 4. O sillón azul: plenitude (1986-2002).
Unha biografía que é ao tempo retrato do personaxe e interpretación da significación da súa obra. Unha achega imprescindible para entender tanto a historia da literatura coma a cultura e sociedade galegas do seu tempo.
A partir de marzo nas librerías!!