Ola, ola, la!… Abrapalabra!

Categoría: Nova

Máis de 700 actividades, repartidas por toda Galicia e dirixidas a rapaces e rapazas dos 3 aos 18 anos, integran este ano o programa Bocaberta, que a Secretaría Xeral de Política Lingüística avanzou o pasado venres en Santiago de Compostela e no que a Editorial Galaxia ten un protagonismo moi especial co desenvolvemento de dúas actividades tituladas 'Abrapalabra!' e 'Ola, ola, la!'.
Por unha banda, botamos a andar o programa titulado 'Ola, ola, la!' protagonizado polo coñecido grupo de música infantil, Mamá Cabra, e que vén sendo unha aposta musical para quen lle gusta a electricidade máis rítmica a dar voltas polo corpo. A través das melodías do grupo infantil Mamá Cabra e coa axuda dun DVD-Karaoke que se entrega co libro, ademais do CD de audio, os nenos e nenas aprenderán a cantar as cancións coma se formasen parte da banda. A actividade, pensada para as fins de semana, complétase con todo un mollo de obradoiros para seguir practicando a música na nosa lingua. Polo medio, un sorprendente conto de Gloria Sánchez, ilustrado por Kristina Sabaite. A forza da música en directo completa unha aposta que leva a música como gozo delicioso por toda a casa, no coche… onde se queira!
Por outra banda, 'Abrapalabra!' porá ao mago Carlos Coira, en directo, sen trampa nin cartón, a facer múltiples trucos a través dos que gozar da maxia das palabras, pero, tamén, aprender maxia dun xeito divertido e sobre todo, moi doado nunha actividade que vai visitar unha cantidade enorme de colexios por todo o país. O libro, singular pola súa forma de trípode, complétase coa maxia das palabras lograda por ese artista da poesía e da letra que é Antón Cortizas e que nos axudará a entender que hai tanto de maxia nun truco alucinante como na fermosa lingua de nós.

Compartir na redes sociais: