Este venres dá comezo na Coruña a Feira do Libro. E como todos os anos, a nosa editorial vai ter un protagonismo moi importante, destacando moi en especial a Semana da Música Infantil na Feira do Libro baixo do título xenérico de ‘Lemos, cantamos, gozamos’.
E así, dende o día 5 ata o 10, artistas como Mamá Cabra, Uxía, Pablo Díaz ou Susa Herrera, pasarán pola feira, todos os días a partir das 20 horas, para gozo de pequenos e grandes.
Hai unhas semanas botabamos a andar esta iniciativa na Feira do Libro de Vigo, colleitando un grande éxito de público pois todos os días estivo a carpa que montamos para a ocasión, chea de familias dispostas a cantar e a bailar. Desta volta, nos Xardíns de Méndez Núñez, e sempre ás 20 horas, estamos certos de que imos reeditar ese éxito.
A Semana da Música Infantil na Feira do Libro dá comezo este luns co espectáculo 'Cantaruxa coa Bruxa Maruxa', a cargo de Uxía, quen interpretará temas do libro-disco 'María Fumaça'.