A Xunta acordou o pasado xoves conceder a "máxima condecoración que outorga Galicia", a Medalla de Ouro de Galicia, á Fundación Penzol, á ONCE e, a título póstumo, a Ceferino Díaz.
É un galardón que, en palabras do vicepresidente Alfonso Rueda "Galicia lle fai a quen se consideran exemplos a seguir, a aquelas persoas, institucións e formacións cuxa actividade honra ou honrou Galicia e contribuíu, no eido das súas posibilidades e no seu campo de actuación, a construír unha mellor Galicia".
Así, da Fundación Penzol, o vicepresidente da Xunta subliñou "que leva xa 50 anos como un centro de estudos e documentación de referencia sobre a nosa lingua e a nosa literatura". "A defensa dos valores desta terra é a nota que mellor define a traxectoria e a actividade da Fundación Penzol", afirmou Rueda resaltando que, desde a súa creación por ilustres galeguistas, en Vigo hai cincuenta anos, se ten "configurado desde o seu inicio como un centro de estudos, como un centro de documentación sobre a nosa lingua, sobre a nosa literatura e, a día de hoxe, constitúe a da Fundación Penzol, unha das maiores coleccións que existen de libros, de documentos, de xornais, de revistas referentes á lingua e á historia de Galicia".
En canto á concesión da Medalla de Ouro de Galicia, a título póstumo, a Manuel Ceferino Díaz Díaz, Alfonso Rueda destacou o seu "galeguismo e compromiso co país". Referiuse á súa traxectoria como docente, como deputado no Parlamento galego durante varias lexislaturas e tamén á súa etapa no Congreso dos Deputados. O vicepresidente da Xunta cualificou a Ceferino Díaz como "exemplo de moitos outros políticos que se dedicaron en corpo e alma á defensa da Autonomía e á defensa dos valores desta terra".
As Medallas de Ouro de Galicia serán entregadas o vindeiro 25 de xullo.