A decidida aposta pola cultura dixital e a proposta de creación dunha plataforma conxunta para todo o sector foron as conclusións máis importantes do VI Simposio "O libro e a lectura" celebrado os días 12 e 13 de novembro no Consello da Cultura Galega, actividade anual organizada pola sociación Galega de Editores (AGE) co patrocinio de CEDRO.
Ao remate do VI Simposio do Libro e a Lectura, celebrado nun momento estratéxico para adecuación do sector do libro galego aos novos tempos de cultura dixital, baixo o lema de "O libro electrónico: presente e futuro" a Asociación Galega de Editores (AGE) fan públicas as seguintes conclusións:
1. En primeiro lugar, debemos felicitarnos polo gran éxito desta edición do simposio en canto ao número de asistentes ás xornadas e debates ao longo destes dous días, con participación activa do público, éxito que impediu desbordou todas as previsións e que converteu estes dous días nun encontro vivo, activo e participativo e moi proveitoso.
2. O simposio funcionou como unha ponte estratéxica de concienciación para que desde o sector do libro galego asumamos que vivimos unha cultura cada vez máis dixital, e que esta cultura está a transformar os hábitos de acceso á información e ao coñecemento das persoas, o que conleva tamén unha transformación dos hábitos de lectura, así como dos xeitos futuros de editar e comercializar ese produto cultural chamado libro.
3. As lecturas dixitais, as pantallas, os dispositivos de lectura, os teléfonos móbiles, etc. conforman os soportes dun novo xeito de relacionarse os autores, editores, libreiros, distribuidores e lectores, mediatizado por Internet, que converte o libro e a lectura en protagonistas.
4. A chegada desa cultura dixital que abrangue, con forza crecente, o ámbito do libro e a lectura é unha circunstancia inevitable do desenvolvemento da nosa sociedade globalizada á que non podemos nin queremos permanecer alleos. Os editores e editoras galegos queremos apostar por asumir e impulsar ese novo xeito de entender a cultura dixital, seguindo as súas tendencias, mesmo desde a incerteza que vén dictada pola dificultade de prever cales serán as liñas de futuro para o ámbito do libro e da edición a medio prazo.
5. A transformación dixital que industria e a cultura do libro están a vivir nestes momentos, tal e como demostran as cifras e os prazos de tempo cada vez máis curtos, é un proceso irreversible que responde ás demandas desa sociedade globalizada que se está a contruír en todo o planeta. Xa que logo, os retos dos editores, pero tamén dos libreiros, bibliotecarios, autores ou ensinantes está en sermos quen de adaptarnos a eles e revertilos ao noso favor, en beneficio da solidez dunha industria cultural que en Galicia é fundamental para o desenvolvemento do país, pero tamén en beneficio do benestar e da mellora do acceso á información e á cultura da cidadanía galega.
6. Desde a Asociación Galega de Editores vemos a necesidade de desenvolver formulas que garantan os lexítimos dereitos de propiedade intelectual, que son a base do funcionamento da industria do libro e da creación, sen lesionar os usos e dereitos dos usuarios. Avanzar nese sentido parécenos unha das cuestións prioritarias.
7. A Asociación Galega de Editores manifesta o seu compromiso de transmitir aos editores, pero tamén a outros sectores do ámbito do libro, a necesidade de asumir, desde a cautela necesaria pero tamén como un imprescindible motor de modernización e como axeitamento á evolución da sociedade, as novas pautas de traballo que conleva a concepción dixital dos contidos, que, en definitiva, son a parte fundamental do libro, á marxe do soporte que empregue.
8. A Asociación Galega de Editores aposta polo debate intersectorial e pola creación dunha plataforma dixital conxunta para todo o sector do libro galego, proposta sobre a que xa se está a traballar, e que debe ir ligada tanto ao proceso de alfabetización como ao desenvolvemento social e cultural da lingua galega.
9. Finalmente, a AGE quere mostrar o seu agradecemento a CEDRO e ao Consello da Cultura Galega, principais co-patrocinadores deste Simposio do Libro e da Lectura, así a colaboración da Consellería de Cultura, e de todos os convidados nesta VI edición en que o simposio logrou constituírse nun referente ineludible para os profesionais do sector do libro e a lectura en Galicia".