Bolboleta sira-nia nanál

Categoría: Nova

Se hai unhas semanas celebrabamos que o relato inserido en 'Que me queres, amor?' (Galaxia, 1995), e que tamén é libro de seu na nosa fala e noutras, 'A lingua das bolboretas', aparecía en bretón, hoxe marabillámonos pola saída deste texto en tetún, unha das linguas oficiais en Timor Leste. Baixo do título de 'Bolboleta sira-nia nanál', o relato do coruñés será lectura obrigatoria nese país nunha edición bilingüe tamén en portugués. É o primeiro libro orixinario dalgún dos países do estado español que é traducido a esa lingua.

Dentro do proxecto educativo desenvolvido pola Universidade da Coruña, membros do proxecto Bolboreta, comprobaron as necesidades de libros de texto nas aulas de Timor, e idearon levar a cabo esta iniciativa e incorporala o currículo escolar.
Unha boa nova para a nosa lingua e para a nosa literatura, de cada vez fronteiras máis grandes, de cada vez menos sen fronteiras.

Compartir na redes sociais: