O Instituto da Lingua Galega cumple 40 anos

Categoría: Nova

Esta primavera de 2011 conmemoramos o 40º aniversario da fundación do Instituto da Lingua Galega da Universidade de Santiago de Compostela. O ILG naceu como centro de investigación dedicado ó estudo e promoción da lingua de Galicia na Universidade de Santiago de Compostela ó se iniciar a década dos 70, o que o converte no centro destas características máis antigo do sistema universitario galego.
Na segunda metade dos anos sesenta comezaran a abrirse fiestras para a lingua galega despois de anos de escuridade e prohibición en ámbitos de transcendencia para o idioma galego. Non foron alleas a este cambio as mobilizacións estudantís de 1968 que convulsionaron a universidade compostelá e repercutiron en Galicia enteira, pois nelas a lingua galega tivo unha presenza significativa e moi simbólica. A semente desta mudanza fórana deitando e agarimando os galeguistas que non desmaiaron durante moito tempo e souberon manter abertos camiños de luz para o futuro.
En 1970 apróbase a Lei Xeral de Educación, que prevé a introdución do galego, do catalán e do éuscaro como linguas de estudo no ensino; doutra banda, os Estatutos Provisorios da USC contemplaban a creación de institutos de investigación supradepartamentais. Daquela, Constantino García, catedrático de Filoloxía Románica, soubo tecer todos estes fíos coa súa recoñecida mestría, maior se temos en conta que nin o marco académico nin o político eran favorables, para materializar o proxecto de creación dun instituto dedicado ó estudo do galego.
O 14 de maio de 1971 preséntase en rolda de prensa, presidida polo reitor, o Gallego 1, o primeiro método para aprender galego. O acto serviu tamén para dar a coñecer publicamente a creación do Instituto da Lingua Galega, que figuraba como realizador do libro. O borrador inicial de Gallego 1 elaborárano Antón Santamarina, Xosé Luís Couceiro e Guillermo Rojo, axudados por Carme Ríos Panisse, Inés Leis e Luísa Fernanda Pensado. Máis tarde tamén se integraría ó grupo de traballo Ramón Lorenzo. Eles, comandados por Constantino García, foron o verdadeiro xermolo do Instituto que agora cumpre 40 anos.
Na semana anterior á presentación do libro, arroupando o proxecto, celebrárase un ciclo de conferencias sobre cuestións de filoloxía galega e portuguesa. Neste encontro participaron os recoñecidos investigadores Joseph M. Piel, Luis F. Lindley Cintra, Manuel Rodrigues Lapa e José L. Pensado (Dámaso Alonso, tamén implicado, finalmente non puido asistir).
O día 26 de xullo de 1971 constitúese o Padroado do Instituto da Lingua Galega e apróbanse os seus primeiros estatutos. Asistiron á sesión constituínte, celebrada no Salón Reitoral baixo a presidencia do Reitor, os representantes da Universidade de Santiago de Compostela e os das fundacións e institucións culturais de maior peso, tamén no plano simbólico, do galeguismo. Formaron parte do primeiro padroado:

Don Manuel García Garrido, Reitor da Universidade de Santiago. Presidente.
Don Constantino García González, Catedrático de Filoloxía Románica.
Don Manuel Díaz y Díaz, Catedrático de Filoloxía Latina e Director do Secretariado de Publicacións da USC.
Don Ramón Otero Túñez, Decano da Facultade de Filosofía e Letras.
Don Ricardo Carballo Calero, representante do Centro de Estudios Fingoi e profesor de lingua e literatura galegas da USC.
Don Xosé Fernando Filgueira Valverde, representante do Instituto Padre Sarmiento.
Don Marino Dónega Rozas, representante da Real Academia Galega.
Don Xerardo Fernández Albor, representante da Fundación Penzol.
Don Xoaquín Arias Díaz de Rábago, representante da Fundación "Pedro Barrié, Conde de Fenosa".
Na mesma sesión constituínte quedou nomeado formalmente o primeiro consello de dirección do ILG: director, don Constantino García; subdirector, don Manuel Díaz; secretario, don Ricardo Carballo Calero.
Os alicerces estaban postos. Logo virían as Lecturas Galegas 1, a revista Verba. Anuario galego de filoloxía, a grande empresa do Atlas Lingüístico Galego, as Bases e as Normas ortográficas e morfolóxicas do idioma galego, e un longo ronsel de proxectos e publicacións, moitos deles decisivos, que nos foron traendo ata esta conmemoración.

Compartir na redes sociais: