O ano que vén, a Editorial Galaxia cumprirá 65 anos

Categoría: Nova

En xullo de 2015, a Editorial Galaxia cumprirá 65 anos. Un número de anos, polo tanto, ben importante no que nos moveu, en todo o momento, a todos os equipos e persoas que lideraron e fixeron a Editorial, o mandado fundacional daquel 25 de xullo de 1950 de servir ao galego, á cultura galega e a Galicia.
Aí seguimos e aí seguiremos, tentando dar o mellor de nós a pesar das circunstancias, que nunca foron boas para a causa galega, nin nos tempos negros nos que a Editorial naceu, en pleno franquismo e como un exercicio de defensa galeguista, nin hoxe en día, co sector cultural en franca caída económica e con mil paos postos nunhas rodas que deberían poder camiñar máis acougadas.
A celebración empeza xa. E non polo aniversario dos 65. Que tamén. A celebración é seguir adiante un día máis, un ano máis, un tempo máis sabendo a quen servimos, por que estamos aquí e cara onde queremos ir.
Que sexa un ano ventureiro. Merecémolo. Como país. Como cultura. Como persoas.
Merecémolo.
Terémolo.

Compartir na redes sociais: