Carta aos avós

Categoría: Opinión





Sentidos avós:

Nestes tempos de incertidume e desesperanza que voltan ateigados de mentiras e inxustizas, quero escribirvos esta carta para vós, os avós da Terra. Aqueles que vivistes na extrema dificultade e aínda así, fostes o noso exemplo de vida pola vosa humilde humanidade e o enorme esforzo que fixestes por sacar adiante o futuro dos máis novos, sen rexeitar, endexamais, o voso compromiso solidario para que ninguén da veciñanza se sentira marxinado. Pero grazas tamén, avós, por preservar no fondal da vosa alma a herdanza de Breogán, facendo que en moitos de nós, prenderan novos sonos de alborada.

Xa que logo, escribo para os que dende a inocencia da inconsciencia seguistes, naquel mundo encallecido, sendo fieis á memoria da Terra-nai, herdanza dos antergos, que coa mesma humilde humanidade que vós atesourastes, vos aprenderon a aloumiñar un longo tempo embravecido para que moitos de nós poidamos seguir vendo vagalumes de esperanza entre tantos irmáns que camiñan sen memoria.

Grazas tamén, por encher de humanidade o noso adentro, e permitirnos deste modo, poder disfrutar coa luz do día das cores outonizas que seguen a tinguir a paisaxe desta terra e ademais tamén, aínda poder lembrar nas nosas meixelas, xa curtidas polo tempo, os aloumiños das vosas mans encallecidas por un traballo arreo sen compensa, e poder seguir lembrando en cada intre dos nosos días de tristura, o sorriso que agromaba do fondal das vosas facianas enrugadas por aquel tempo aferrollado, pero sempre humanizadas pola lene luz que dá a tenrura.

Grazas, en definitiva, por enseñarnos, a pesar das duras circunstancias, a sentir a Terra-nai e o latexar da humanidade.

Compartir na redes sociais: