O Ano Díaz Castro en Galaxia

Categoría: Nova

A produción da exposición "Nimbos de luz", que se inaugura o 19 de febreiro en Guitiriz, patrocinada pola Cosellería de Cultura da Xunta de Galicia e comisariada por Afonso Blanco Torrado, Armando Requeixo e Luis González Tosar, abre os actos e as celebracións do Ano Xosé María Díaz Castro, o autor de Nimbos (1961), a quen a Real Academia Galega dedica este ano o Dia das Letras Galegas.
Escolleuse o 19 de febreiro para inaugurar a exposición porque tal é a data de nacemento do poeta, na aldea dos Vilariño, parroquia dos Vilares, no antigo concello de Trasparga, hoxe Guitiriz, en 1914. Ao acto teñen anunciada a súa asistencia os fillos de Xosé María Díaz Castro, residentes en Madrid e Euskadi.
Editorial Galaxia publicou a primeira edición de "Nimbos" no ano 1961 e este ano facemos un importante esforzo para dar a coñecer a vida e obra do autor. A exposición vai acompañada dunha produción audiovisual de Xosé Antonio Cascudo, que tamén se presentará ese día 19 de febreiro na vila luguesa, así como Vida e Obra de Díaz Castro, da que é autor Armando Requeixo (colección Letras Galegas).
Requeixo é nestes momentos o gran especialista en Díaz Castro. A próximo día 28 lerá na Universidade de Santiago a súa tese de doutoramento sobre o poeta, dirixida por Carme Blanco e Claudio Rodríguez Fer. Inmediatamente publicaremos a Poesia Galega Completa de Díaz Castro, editada, anotada e comentada polo propio Armando Requeixo, na colección Obras Completas.
O poeta Luis Gonzalez Tosar, que mantivo unha estreita relación con Díaz Castro nos derradeiros anos da vida do de Guitiriz, sobre todo a través das páxinas da revista Dorna, edita e comenta a definitiva fixación do texto de "Nimbos", coa participación en vida do propio autor, que presentaremos na colección Dombate o 21 de marzo, Día Universal da Poesía.
Outro coñecedor e íntimo amigo de Díaz Castro, o ensaista e sacerdote Alfonso Blanco Torrado, presidente da Asociación Xermolos, será o encargado de organizar a fotobiografía de Díaz Castro ("Nimbos de luz", 1914-1990) cunha importante achega gráfica e documental, ensaios de González Tosar e Armando Requeixo, así como unha versión mais ampla da produción audiovisual de Xosé Antonio Cascudo. Un esforzo importante da nosa editorial, que iremos comentando máis de vagar en próximas entregas.

Compartir na redes sociais: