O proxecto de tradución e publicación de Ulises insírese na colección Clásicos Universais, que presta atención especial ás obras fundacionais da tradición literaria contemporánea. A novela de James Joyce é unha das obras que inician a tradición literaria moderna, fundamental para o desenvolvemento non só da narrativa senón da propia concepción da literatura a partir do primeiro cuarto do século XX. A súa influencia nos autores posteriores é indubidable, tanto no que se refire á transformación que supuxo respecto da maneira de narrar (citemos, por exemplo, a stream of consciouness ou corrente de consciencia) como no repertorio de formas literarias, coa incorporación dun abano de rexistros que van desde a lingua coloquial ás referencias á cultura grecolatina, sen esquecer a transformación da idea de novela, na que o Ulises marcou o paso da novela decimonónica á novela moderna.
Trátase, pois, dunha das obras que calquera lingua e cultura con tradición literaria debe incorporar mediante a tradución, polo que a súa publicación en galego é necesaria tendo en conta a súa importancia na configuración do repertorio de formas literarias e na cultura de hogano.
Ulises, unha obra de grande complexidade textual, tamén require un traballo de tradución e revisión demorado e complexo e, polo tanto, un equipo de tradutores meirande ca calquera edición normal dun texto literario.
Desta tradución que publicará Editorial Galaxia encargáronse catro tradutores de perfil complementario: María Alonso Seisdedos, tradutora e correctora editorial con grande experiencia, actualmente é cotradutora das novelas de Orhan Pamuk para o galego; Eva Almazán, tamén tradutora profesional, traduciu, entre outros moitos autores, a Paul Auster, Edgar Allan Poe ou Martin Amis; o escritor Xavier Queipo, un dos autores que desde a década de 1990 representan a renovación da narrativa galega actual, e Antón Vialle, tradutor e intérprete que realizou, xunto a María Alonso Seisdedos, a tradución de A cea, de Herman Koch, primeira novela traducida do neerlandés para o galego.
A novela de James Joyce foi publicada en París en 1922 pola librería Shakespeare and Company. Joyce emprega no Ulises, á parte da corrente de consciencia, a parodia, os xogos de palabras e unha variada e ampla gama de técnicas narrativas. A novela desénvolvese durante un único día, o 16 de xuño de 1904, na cidade de Dublín. Conserva, dese xeito, un paralelismo coas unidades clásicas de tempo, lugar e acción. De aí que ese paralelismo se estendese dos personaxes da Odisea de Homero aos do Ulises: Leopold Bloom representaría o moderno Ulises, a súa muller, Molly Bloom, sería a Penélope do século XX, e Stephen Dedalus, Telémaco.
Estamos a falar dunha obra fundamental na historia da literatura, tamén na da literatura galega, na que cómpre lembrar o texto "Dedalus en Compostela", de Vicente Risco, referencia clara a un dos protagonistas do Ulises e primeiro intento de incorporación da obra de Joyce á literatura galega, e o feito de que Ramón Otero Pedrayo traducise e publicase, na revista Nós, uns fragmentos da novela xa no ano 1926, reeditados hai uns anos por Galaxia na colección Illa Nova.
Así e todo, a novela de Joyce nunca foi traducida integramente para o galego, coa súa publicación a fins deste ano quérese achegar aos lectores de hoxe unha tradución baseada nas máis recentes edicións críticas da obra de Joyce, nun galego actual e coidado que axude a coñecer mellor un patrimonio literario que xa os membros da xeración Nós consideraron indispensable incorporar á nosa literatura.