Novidades literarias para o Nadal

Categoría: Nova

Este Nadal podemos desfrutar de catro novelas que acaban de saír publicadas na Editorial Galaxia e de temática moi diferente para diferentes gustos lectores.
Por unha banda está a agardada novela de Antón Riveiro Coello, A ferida do vento, un título de clara homenaxe a Carlos Casares, amigo do autor e que aparece reflectido como personaxe nas páxinas do libro. Unha novela de formación, poboada de personaxes memorables e cunha representación exquisita do paso da infancia á adolescencia.
E por outra banda están tres obras referendadas por cadanseu premio que tocan temáticas moi diversas. Así Nordeste, de Daniel Asorey, Premio Narrativa Breve Repsol, fabula sobre o que pasaría se os irmandiños non caesen derrotados e xurdise de Galicia unha república con colonias. Unha historia que ten lugar entre o nordeste de Brasil e unha Galicia que posúe a Compañía Galega de Indias.
O Premio García Barros concedeuse á novela A candidata, de Miguel Sande, que leva á literatura un tema de máxima actualidade, a crise, que afectou a moitas familias e trouxo non só dificultades económicas, senón tamén emocionais. Cun discurso narrativo intenso, moi traballado e de andadura sintáctica cortante e abrupta mostra unha sociedade degradada, polo que a súa lectura é ferinte, afastada de calquera mirada politicamente correcta.
Por último, Blanca Riestra é a autora de Noir Compostela, gañadora do Premio Novela por Entregas de La Voz de Galicia. Unha aposta pola novela negra que ten de protagonista o inspector de policía Touriñán e tamén, en certa maneira, a cidade de Compostela.
Lecturas para desfrutar este Nadal!!

Compartir na redes sociais: