No 52 aniversario da Fundación Penzol

Categoría: Nova

A Fundación Penzol cumpre hoxe 52 anos de servizo a Galicia. O máis grande arquivo documental do país ten a súa sede aberta na Casa da Cultura de Vigo para todas aquelas persoas que queiran consultar os seus fondos. Comandada na actualidade por Quico Domínguez, foi, ata o día do seu pasamento, dirixida por Francisco Fernández del Riego.
A Fundación creouse en 1963 por iniciativa de Fermín Penzol, cando decide doar a súa valiosa biblioteca especializada en temática galega de acceso público para a investigación. Como tantas outras persoas do universo da Editorial Galaxia, a xenerosidade e a entrega ao país guiaron sempre a súa conducta, traballando dende o convencemento de que somos todos e todas os que temos que ir legándolle un futuro a este país, cada un dende o que mellor saiba facer, cada un dende o que poida aportar.
Na actualidade, os fondos da formación constan duns 44.000 títulos de monografías impresas, dende o século XV; uns 2.370 títulos de publicacións periódicas; 106 títulos de libros manuscritos do século XVII ao XIX; perto de 300 diplomas en pergameo datados do século XII ata XVII; 75 pezas de cartografía histórica con numerosos exemplares do XVII e 120 metros lineais de documentos de arquivo.
Dende ese primeiro día, os fondos da Fundación non deixaron de enriquecerse ano tras ano, sendo a día de hoxe lugar de traballo imprescindible para calquera que queira profundar de verdade no coñecemento das cousas de Galicia.
Ademais do labor bibliotecario e arquivístico, a Fundación Penzol asume como parte das súas actividades a organización de labores formativas e a edición de publicacións especializadas.

Compartir na redes sociais: