Como cada 25 de Xullo -data fundamental para Galaxia pois un día coma ese do ano 1950 nacía este proxecto editorial- reflexionamos sobre o que somos, sobre o que fomos e sobre o que queremos ser. O País enteiro ínzase de verbas de amor á patria e da necesidade de coidar o que nos significa como pobo, nomeadamente a lingua e a terra.
Mais cómpre non cinguir esas declaracións só aos días escollidos e que os almanaques designan como importantes. Galicia faise todos os días e dende moitas frontes, non só dende a cultura. Galicia faise na rúa, no ensino e no traballo. Galicia non pode poñerse á fronte só no Día das Letras ou neste 25 de Xullo. Galicia debe de ser o horizonte presente que nos mova e que nos impida esquecer que só se somos pobo teremos existencia propia e singular no futuro.
59 anos despois da fundación da Editorial Galaxia, o espírito, as esperanzas e a filosofía de todos aqueles resistentes esperanzados segue presente en nós. E coma eles, ollamos cara adiante no convencemento de que un pobo que cre en si mesmo é un pobo con futuro.
No 25 de Xullo, Galicia.