Un home que cumpriu co seu deber

Categoría: Nova

Onte, no Museo Verbum-Casa das Palabras de Vigo, inaugurouse a mostra homenaxe a Ramón Piñeiro 'Olladas no futuro' que despois do seu arranque o pasado mes de Maio en Lugo está a percorrer as principais cidades galegas.
Interviu en primeiro lugar o director do museo, Rosendo Covelo, quen definiu a Piñeiro como "un dos homes máis importantes do pasado século na historia de Galicia", ao tempo que informou do importante traballo que o museo vai realizar en colaboración cos centros escolares que xa van comezar a visitar unha exposición que, como un dos comisarios da exposición, Henrique Monteagudo, lembrou, "nace con vocación de reivindicar a figura histórica de Piñeiro pero tamén cunha profunda vocación didáctica".
Despois, o director xeral da Editorial Galaxia, Víctor F. Freixanes congratulouse de que a exposición se celebrase nunha Casa das Palabras "que agora é tamén das palabras galegas que Ramón Piñeiro defendeu". Explicou Freixanes a importancia da Xeración Galaxia como elemento de "resistencia cultural pero tamén como proxecto para este país", ao tempo que lembrou o esforzo tremendo que homes como o homenaxeado ou Francisco Fernández del Riego ou Xaime Isla Couto, desenvolveron para que hoxe a cultura galega siga viva. "Esa cultura galega", segundo Henrique Monteagudo (comisario xunto con Carlos Fernández), "era a grande obsesión de Piñeiro: conservala, que non se perdese. Por iso, dende o seu gabinete insistía en explicarlle aos máis mozos que ata el se achegaban, dende a xenerosidade e a paciencia, os logros históricos da nosa cultura e a forza que tivera noutros tempos". Nunha interesante intervención, o profesor Monteagudo explicou as caracterísiticas da mostra ao tempo que subliñaba a importancia crucial que o labor de teimuda e ambicosa resistencia desenvolvido por Ramón Piñeiro ten para todos nós hoxe en día. Destacou tamén a vocación europeísta do filósofo de Láncara
Finalmente, o concelleiro de Patrimonio do Concello de Vigo, Eudosio Álvarez, partindo dun texto de Castelao, explicou que Ramón Piñeiro fora un home que asumira, coma o de Rianxo, o cumprimento do seu deber e que, xa que logo, era un exemplo e unha referencia para todos nós "nestes tempos difíciles para a nosa cultura e a nosa lingua. Sexamos nós quen, tamén, de cumprir co noso deber". .
A mostra permanecerá aberta ata o vindeiro 1 de novembro.

Compartir na redes sociais: