A súa última novela, "Esperando ao leiteiro" está a ser un dos libros máis solicitados, auténtico acontecemento das nosas letras, na liña xa coñecida dun dos nosos autores máis celebrados. Un monólogo sen pausas no que narra a vida dun mozo campesiño mentres agarda para iniciar a viaxe que, a mediados do século XX, o ha levar da súa aldea a Buenos Aires.
Centrada arredor do ano 50, a novela recrea un mundo que en certa maneira está a desaparecer, pero que é o mundo do autor, que emigrou a Buenos Aires no ano 49, coa súa linguaxe rica e vizosa, as estampas dunha época, as emocións dunhas xentes que constitúen un capítulo fundamental da nosa historia colectiva.
Antía Cal, a quen a Fundación Otero Pedrayo concedeu este ano o Premio Trasalba, acompañou a Neira Vilas, amigo seu dende hai moitos anos, no pregón da feira e na sinatura de exemplares. En Galaxia, Antía Cal publicou as súas memorias, "Ese camiño que fixemos xuntos" (colección Memoria), outro acontecemento editorial que rexurde.