Chus Pato, María do Cebreiro, Víctor Cambio e Manuel Vilanova foron as voces da poesía, presentados todos por Marcos Valcárcel. Poemas editados e algúns textos inéditos, de próxima aparición. Abe Rábade Trío encargouse da parte musical, cun concerto de cinco temas máis unha propina. Entre os temas salientou sobre todo Campo da Estrela, dedicado á cidade de Santiago. De fondo, os cadros de Virxilio e a memoria do señor de Trasalba.
Dende finais de marzo a finais de agosto pasaron arredor de tres mil persoas pola exposición Os chaos de Amoeiro, organizada pola Fundación Otero Pedrayo na Casa Grande de Cimadevila (Trasalba), comisariada por Santiago Lamas e Luis Cochón, coa coordinación xeral de Susana Reboreda, e patrocinada pola Consellaría de Cultura e Deportes da Xunta de Galicia. A derradeira sesión (o concerto de clausura) estivo patrocinado polo Consello da Cultura Galega. Ramón Villares, presidente desta institución, o pintor Virxilio, e mais o presidente da Fundación, Víctor F. Freixanes, clausuraron a mostra.
Durante estes meses, arredor de case 200 cadros do pintor, que rotaron ao longo das semanas, recrearon os chaos de Amoeiro, territorio da memoria de Otero Pedrayo, coa ollada diferente do artista: dende o nacemento da primavera e a luz escura do inverno ata os traballos do verán e mesmo a vendima. Varias actividades culturais salientaron o contorno nestes meses. Rapaces e rapazas dos institutos de Ourense sobre todo asistiron a obradoiros coordenados polo pintor.
Trátase dunha primeira experiencia (unha mostra plástica instalada durante varios meses e renovada periódicamente) que os responsables da Fundación Otero Pedrayo quixeran continuar cada ano con diferentes artistas, sempre no marco simbólico da casa de Trasalba.