Presentación de "Unha falsa luz" en Bruxelas

Categoría: Nova

O autor foi precedido na palabra por Manuel Pueyo, secretario da Couto Mixto, quen explicou o significado do acto para a asociación. A seguir falou o escritor Xavier Queipo, poeta oficial da cidade de Bruxelas, quen fixo glosa e laudatio da obra e do autor. En resumo, veu dicir que a novela presentada xunto coas anteriores da triloxía mostra unha visión da España negra pola súa intransixencia, desde os tempos da monarquía borbónica encabezada por Alfonso XIII ata os do franquismo. Aínda que a maior parte de acción transcorre en Galicia, as adversidades da guerra civil e do desterro profesional levan o personaxe principal da obra por outras terras do estado que nunca aceptou a Reforma protestante.

Queipo entende que a orixinalidade do texto –escrito a xeito de autobiografía– reside no seu punto de vista "excéntrico", afastado do centro que representaba o nacional-catolicismo tradicional. Considera a triloxía unha narración próxima á verdade histórica, marcada por fitos dos que fixo lista no caso de Unha falsa luz, desde a guerra de Indochina á Marcha Verde, pasando pola chegada dos americanos á Lúa ou a morte de Carrero Blanco.

Animou o público presente, que ocupaba todos os espazos da sala de Orfeu, a ler e transportarse a un mundo que, mesmo desaparecido, aínda segue no recordo pois marcou a maneira de ser dos españois.

Daquela falou Xavier Alcalá, quen agradeceu as palabras do presentador, a presenza do público e a xenerosidade da Editorial Galaxia e de Joaquim Pinto da Silva. Contou que puxera punto final á narración o día 28 de maio do presente ano en Bruxelas, e foi logo desenvolvendo o seu discurso con apoio na proxección en pantalla de documentos obtidos durante os oito anos que duraron as pesquisas para a redacción do texto da triloxía. Estes documentos áchanse no sitio da web www.xavieralcala.org.

Alcalá xustificou a versión novelada que se lle deu aos acontecementos ("estrictamente axustados á Historia xeral de Galicia, de España e do mundo") por dúas razóns principais. A primeira, a vontade dos informadores: non ferir sensibilidades das persoas ligadas aos criminais que perseguiron asañadamente os disidentes de todo tipo, entre os que se contaban os evanxélicos, absurdamente fichados como "comunistas, masóns e protestantes" durante o franquismo. A segunda sería a facilidade que concede para narrar a creación de personaxes ficticios, ás veces resumo de varias persoas con comportamentos semellantes.

Durante o coloquio, que se alongou por máis dunha hora, o autor de Unha falsa luz recoñeceu que a redacción de "novelas axustadas á Historia, non históricas" esixe un esforzo especial, e puxo por exemplo unha escena –a da fin dun guerrilleiro mítico– revivida segundo a memoria dos anciáns que o informaron: malia o seu efectismo, houbo de ser retirada do texto tras o informe do historiador Bernardo Máiz, quen aportou datos demostrativos de que a acción non ocorrera como fora narrada.

Alcalá, en relación á polémica xurdida sobre o "intrusismo" dos ficcionistas no eido dos historiadores, recordou palabras de Máiz, segundo o cal uns e outros poden narrar verdades históricas, mais tendo en conta que aos historiadores só lles está permitido xogar con feitos, non con sentimentos de personaxes.

Concluíu a presentación con referencias á maneira de escribir "sen que se noten as costuras" e ofreceu toda a documentación que posúe sobre a vida oculta dos evanxélicos e os seus compañeiros de silencio, republicanos antifranquistas, para que fagan uso dela xornalistas e historiadores "antes de que morran os últimos sobreviventes da época negra da que falaba, tan ben, Xavier Queipo".

Compartir na redes sociais: