Morreu Isaac

Categoría: Nova

O deseñador, ceramista, editor e empresario permanecía ingresado nun hospital de Compostela desde o día 22, e faleceu sobre as 8:30 horas de hoxe. Díaz Pardo, nacera en Santiago en 1920 e foi un dos referentes indiscutibles da cultura galega.
Co seu falecemento remata unha das traxectorias vitais máis importantes para entendermos o galeguismo e a evolución do país ao longo dos últimos cen anos.
Nacido en 1920 a súa traxectoria vital converteuno nun testemuño do galeguismo de preguerra e das dificultades do mesmo durante o franquismo. Os que o coñeceron destacan a súa enorme capacidade de traballo a prol da causa de Galicia, sobre todo durante os corenta anos de dictadura no que vai desenvolver un labor, como Paco del Riego e outros históricos militantes galeguistas, de unión entre a resistencia interior e os que loitaban por Galicia alén mar.
Dende moi novo amosou inquedanzas artísticas, converténdose nun dos referentes fundamentais da pintura galega do século XX sempre nunha importante liña de investigación e vangardismo. Paralelamente, o seu compromiso político concrétase tamén dende o primeiro instante nun traballo de apoio sen fisuras ao estatuto de Galicia tristemente tronzado polo golpe de estado fascista do 36. Na súa mocidade viaxará polas principais cidades europeas, completando así a súa formación para, no ano 49, comezar a súa andaina industrial coa posta en marcha de Cerámicas do Castro, en Sada. No 55 viaxa á Arxentina país no que vai desenvolver un intenso contacto co exilio galeguista, que se fixo especialmente próximo con Luís Seoane e a revista "Galicia emigrante". Ambos os dous creadores comezan a soñar, a partir do 63, a recuperación da experiencia da Cerámica de Sargadelos, proxecto que rematará sendo un éxito tamén a nivel internacional. No mesmo ano funda Ediciós do Castro, no que verán a luz libros esenciais para a nosa literatura como as "Memorias dun neno labrego" de Neira Vilas.
Dende ese momento van ser moitas as inciativas empresariais desenvolvidas por Díaz Pardo, todas elas enfocadas dende unha actitude de achegamento á modernidade do noso país.
Ata o último alento estivo a traballar dende e por Galicia.
Marchou un Bo e Xeneroso.
A súa obra é Inmortal.

Compartir na redes sociais: