Monicrequeando en galego, por que non?

Categoría: Nova

Bocaberta é o novo programa de dinamización lingüística da Secretaría Xeral de Política Lingüística que ten como obxectivo fomentar o uso da lingua galega nas franxas máis novas. Trátase dun ambicioso programa de actividades, que se desenvolverán coa colaboración das principais editoriais en preto de 300 concellos de toda Galicia, dirixidas a nenos e mozos de entre 3 e 18 anos. Teatro, grafitti, emisións radifónicas, contacontos, exposicións, proxeccións audiovisuais…
A Editorial Galaxia preparou dous proxectos para esta campaña de dinamización do galego. Por unha banda "Monicrequeando. Move os fíos da lingua", un proxecto dirixido a nenos e a nenas que viven en pequenos núcleos de poboación, en moitos casos no interior de Galicia, e que normalmente non teñen a oportunidade de acceder á programación cultural e lúdica que desenvolven concellos máis grandes. Deste xeito, faranse un mínimo de 100 representacións en alomenos 50 concellos.
Monicrequeando é un espectáculo mixto de monicreques e actores a cargo da prestixiosa compañía Matapiollos quen porá en escena "A rebelión do monicreque". A campaña chegará aos nenos e nenas galegos xunto cunha bolsa onde irá incluída unha publicación coa historia do "Rato Pincho", reescrita nesta ocasión de novo por Gloria Sánchez para ser representada; na segunda parte da publicación os cativos e cativas atoparán o traballo de Carme Domech, "Monicrequeamos", no que se lles explica como construír monicreques con materiais que teñen por casa e de reciclaxe.
Nos centros educativos onde se represente a obra, quedará un teatriño completísimo, e nove personaxes, para que poidan xa comezar a representar a obra canto antes. Así verán como os monicreques son unha máis que interesante maneira de aproveitar o tempo de lecer.
Toda a imaxe gráfica da campaña é obra do artista Rodrigo Chao.
A outra campaña, pensada para alumnos máis medrados de Secundaria e Bacharelato leva por título xeral "En galego, por que non?" que conta, tamén, con varios elementos. Por unha banda, os alumnos poderán asistir á representación da obra "Comedia bífida", de Manuel Núñez Singala a cargo de Nobicarelo teatro. Ademais, os asistentes recibirán o libro, do mesmo autor, "En galego, por que non?" co que ademais a nosa editorial publica o primeiro título da súa nova colección Biblioteca de Intervención Social/Didáctica.

Compartir na redes sociais: