Mil e un Cunqueiros

Categoría: Nova

Nove conferencias maxistrais, cinco mesas redondas e máis de trinta comunicacións contribuirán a facer do congreso "Mil e un Cunqueiros" un referente para a proxección futura do universal fabulador galego. Así o ven Ramón Villares, presidente do Consello da Cultura Galega, organizador do encontro xunto coas tres universidades galegas, Dolores Vilavedra e Teresa López, da comisión organizadora, e Henrique Monteagudo, coordinador do programa "Ano Cunqueiro". Os catro presentaron este congreso, que comezará o 28 de setembro e itinerará durante catro días por Santiago de Compostela, A Coruña e Vigo.

Ramón Villares destacou o feito de que dous dos conferenciantes, Fernando Valls e Jordi Gracia, procedan da Universidade de Barcelona, "xa que a cultura catalana foi a primeira en recoñecer a Cunqueiro como escritor en 1934". Espera asemade que as contribucións congresuais permitan "achegar o escritor á xente nova máis polo seu alento literario que polas referencias situacionais da súa obra".

Henrique Monteagudo, coordinador do programa "Ano Cunqueiro", significou o carácter central do congreso "que ven culminar un conxunto de actividades divulgativas da biografía e da obra do escritor en forma de concertos, exposicións, representacións teatrais ou faladoiros".

Dentro destas hai que sinalar a exposición NO NIÑO NOVO DO VENTO. CEN ANOS CON ÁLVARO CUNQUEIRO, organizada pola Consellería de Cultura e Turismo da Xunta de Galicia coa colaboración de Editorial Galaxia e a Fundación Penzol, que segue a itinerar polas principais cidades galegas. Pódese visitar ata este domingo día 25 na Sala Municipal de Exposicións do Palexco, na Coruña, e a partir do vindeiro venres día 30 estará en Pontevedra, no Sexto edificio do Museo de Pontevedra.

Compartir na redes sociais: