O Consello de Administración de Editorial Galaxia e de Merlín Comunicación, o Consello de Redacción da revista GRIAL, os traballadores e traballadoras, os autores e autoras, directores de coleccións, asesores e colaboradores das nosas empresas agradecemos moi sinceramente o premio e facémolo extensivo a cantas persoas, onte e agora, participan directa ou indirectamente no proceso de creación e difusión da lingua e da cultura galega arredor do noso proxecto editorial.
Por extensión queremos facer tamén partícipes do mesmo a todos os traballadores e amantes do libro galego, compañeiros editores, libreiros, distribuidores, animadores culturais, profesores, impresores, encadernadores, ilustradores, deseñadores, infógrafos, promotores, medios de comunicación e moi especialmente aos lectores/lectoras, cidadáns dun país que cre no seu futuro e aposta pola conquista da nova modernidade.
Editorial Galaxia creouse o 25 de xullo de 1950, presidida por Ramón Otero Pedrayo, reunindo voces diversas do galeguismo democrático, tamén cunha representación dos exiliados, a prol dunha Galicia nova que non quería perder a esperanza.
Durante anos, en tempos difíciles, ben diferentes dos nosos, foi converténdose na referencia obrigada da resistencia cultural galega, cun catálogo de autores que vai dende os grandes clásicos ata os contemporáneos, animando iniciativas tan diversas como a revista Grial (1963), as primeiras grabacións discográficas galegas (Edigsa/Galaxia) en 1967 ou, máis recentemente, empresas como Merlín Comunicación.
Xaime Isla Couto segue a presidir o noso Consello de Administración. Francisco Fernández del Riego dirixe a Biblioteca da Fundación Penzol. Ramón Piñeiro e Carlos Casares marcaron etapas moi importantes da historia de Galaxia.
Editorial Galaxia é, sobre todo, un espazo de convivencia democrática, un foro de creación e de xestión cultural, plataforma de difusión do coñecemento a prol de obxectivos que en 1950 xa marcaron os fundadores: unha Galicia renovada, dona de seu, democrática e europeísta; unha lingua moderna e sen complexos, conectada con todas as linguas e as culturas do mundo, marca de identidade do país; unha cultura universal e esixente, crítica e en constante transformación, que afirmándose na consciencia do seu rico pasado traballa arreo pensando nas novas xeracións.