Este ano, o premio para agasallar as mellores cartas escritas ao Apalpador, certame organizado polo colectivo Irmandade dos Apañacastañas, lévao Mateo Ramos Rega, de once anos, que estuda no CEIP Castro de Ouro de Alfoz, cunha carta que emocionou ao xurado pola súa sincera tenrura. Conta que a súa cadela Laika xa non xogaba con el nin coa súa irmá e que o veterinario lles dixo que era cousa da idade e pide que teña cachorriños para que volva ser feliz ou senón, que cando menos volva ter gana de xogar con eles. Tamén foi premiada a carta de Samuel Acebo Rega, do mesmo CEIP, por unha fermosa proposta de repartir aire do Courel aos enfermos, probes, necesitados, maltratados, abandonados, explotados, etcétera, para solucionarlles os seus males. Finalmente recibiu premio a historia de Aroa Lomba Rodríguez, da Guarda, que estuda terceiro curso de primaria no CEIP As Solanas.
Desde a Irmandade dos Apañacastañas quíxose recoñecer o labor de tantos mestres que incluíron o Premio nas súas actividades extraescolares e mesmo escolares. A Editorial Galaxia colabora con este premio por segunda vez e, dende logo, estará feliz de facelo na vindeira.