Marilar Aleixandre publicará Mudanzas e outros velenos este ano

Categoría: Nova

Marilar Aleixandre (Madrid 1947) entrará este sábado 14 de xaneiro a formar parte da Real Academia Galega como académica de número. Para o gran público é unha escritora recoñecida, pero tamén está a súa faceta de bióloga e experta en educación. Marilar Aleixandre é pioneira no uso do galego como lingua vehicular no ensino das ciencias e é considerada unha das figuras máis relevantes da investigación da súa didáctica en Europa.
A sesión extraordinaria terá lugar ás 12.00h no Paraninfo da Universidade de Santiago de Compostela (Facultade de Xeografía e Historia), por ser a institución onde é catedrática de Didáctica das Ciencias Experimentais. Ocupará a cadeira de Xosé Neira Vilas e lerá o seu discurso de ingreso “Voces termando da paisaxe galega”, que terá a resposta de Fina Casalderrey.
Aínda que é unha recoñecida escritora de literatura infantil e xuvenil, tamén leva unha vida escribindo versos. Como poeta publicou títulos como Catálogo de velenos (Premio Esquío 1998), Abecedario de árbores (2006) ou Mudanzas (Premio de Poesía Caixanova en 2006), obras que dende hai anos son imposibles de conseguir, pois están esgotadas. A Editorial Galaxia reunirá no volume Mudanzas e outras velenos estes tres poemarios para así non perder parte da súa obra e que volva estar accesible ao público. Este volume verá a luz en setembro.
Os versos destes tres libros teñen unha certa continuidade entre eles, Marilar Aleixandre dálle voz á natureza, ás mulleres, retrata as relacións conflitivas entre filla e nai, todo o que hai detrás das relacións familiares e reescribe moitos mitos.
Marilar Aleixandre entra na Real Academia Galega cunha obra importante no eido literario e no científico, cunha entrega exemplar a unha lingua que fixo súa.

Compartir na redes sociais: