Comeza o ano Carlos Casares na Editorial Galaxia

Categoría: Nova

Neste 2017 Carlos Casares é o autor ao que se lle dedica o Día das Letras Galegas, polo que durante todo o ano sucederanse actos, homenaxes, lecturas coas que actualizar a súa figura e a súa obra.
Carlos Casares estará unido por sempre á Editorial Galaxia, porque neste selo escribiu practicamente toda a súa obra e co tempo converteuse no seu editor e no primeiro director xeral. Este ano que acaba de comezar estará cheo de homenaxes, pero ningunha como a de ler os seus libros. Sen dúbida, Carlos Casares foi un dos máis grandes narradores galegos da segunda metade do século XX, tamén un gran narrador oral como lembran os seus amigos. Dende os anos 60 cando se insuflou das técnicas renovadoras de autores como Joyce, Kafka, Proust ou Pavese ata unha segunda etapa simplificadora de técnicas experimentais e movido polo desexo de gañar lectores e lectoras.
Para esta editorial vai ser un ano importante porque debemos conseguir que Carlos Casares chegue a cada casa deste país, que os seus libros estean nas mans dos galegos e das galegas, porque ese sería o éxito da celebración, ler a Carlos Casares que é un escritor desta Galaxia, pero tamén deste tempo.
Dentro das actividades que temos pensando levar a cabo hai moitas relacionadas co público infantil, pois Carlos Casares foi un dos primeiros en decatarse da importancia de que os nenos e as nenas poidan ler dende o inicio en galego. A súa preocupación polo futuro do galego pasaba pola escolarización e pola aprendizaxe da lecto-escritura na nosa lingua. E así nacen títulos como A galiña azul (1968), As laranxas máis laranxas de tódalas laranxas (1973), O can Rin e o lobo Crispín (1983) e en 1991 comeza a publicar a serie de Toribio con Este é Toribio, que ten por protagonista un rapaz inventor de oito anos. Neste mes de xaneiro a Editorial Galaxia publicará enteira esta serie actualizada e modernizada e xa contamos tamén cos outros títulos para que o público infantil non perda a oportunidade de coñecer a Carlos Casares a través da súa imaxinación.
Tamén neste mes de xaneiro verán a luz os últimos volumes de Á marxe, aqueles artigos publicados La Voz de Galicia durante tantos anos nun diálogo constante co público, un dietario persoal onde a vida discorre coma un fluxo permanente. Oito volumes que conteñen o mellor do Carlos Casares columnista.
A Editorial Galaxia aposta tamén por recoller os seus mellores relatos nunha nova edición e, por suposto, por facer unha biografía rigorosa que nos leve a coñecer mellor o autor, pero tamén a persoa e que está ao cargo do profesor da USC e secretario da Real Academia Galega Henrique Monteagudo.
Sen esquecer o Carlos Casares novelista, aqueles primeiros contos de Vento ferido (1967) ou os de Os escuros soños de Clío (1979); as novelas Cambio en tres (1969) ou Xoguetes para un tempo prohibido (1975) onde xoga co experimentalismo. Tamén as catro últimas novelas dunha segunda etapa en que Casares quixo conectar co público e buscar un estilo sinxelo, que non simple, por esta razón opta tamén polo realismo. Ilustrísima (1980) responde ben a este propósito, unha historia chea de ironía e humor. Os mortos daquel verán (1987), unha novela que trata a confrontación violenta entres os poderes fácticos e o progreso e onde a violencia segue a estar moi presente. Deus sentado nun sillón azul (1996) é unha das máis importantes novelas de Casares, e a última achega O sol do verán (2002), segundo o críticos, de maior riqueza simbólica de Casares, así en palabras de Ángel Basanta nesta novela “culmina a intensidade do lirismo acadado pola coidadosa elaboración poética en imaxes que son exemplo da mellor literatura feita cos vimbios da natureza que lle é propia”.
Moitos Casares por descubrir este ano que acaba de comezar e moitas propostas que iremos debullando ao longo do ano porque Carlos Casares foi un escritor para un país e o país ten que coñecelo e gozalo. Comeza o ano Casares….

Compartir na redes sociais: