María Rosa Lojo presenta en Galicia "A fin da terra"

Categoría: Nova

"Gustaríame que meu pai, onde queira que agora estea, puidese oírme e presenciar este acto". Moi emocionada, María Rosa Lojo falou do libro e, sobre todo, da memoria do seu pai, xa falecido, nunha noite de forte choiva que non impediu que o público enchese o Café Casino de Santiago de Compostela.
Entre os asistentes estaban familiares da autora, que ten as orixes en Boiro.

O pai de María Rosa Lojo, labrego e republicano, autodidacta, de orixe humilde, logo de sufrir a represión da Guerra Civil, emigrou mozo a Bos Aires para refacer a súa vida. Alí formou a súa familia e nese contexto medrou a autora, sentindo falar de Galicia como unha realidade soñada, máxica, mais en certa maneira coma un paraíso perdido, que a marcou profundamente. "Este libro, escrito coas palabras da lingua do meu pai, instálame en Galicia e gustaríame pensar que tamén o reinstala a el, que xa non vive para velo".

A novela non é autobiográfica. Na liña doutros libros da autora, que goza dun gran prestixio nas letras arxentinas, reconstrúe a vida dunha muller a mediados do século XIX a través dunhas cartas que chegan misteriosamente dende unha remota aldea de Fisterra. Galicia, Irlanda e Arxentina (a Arxentina dos indios renqueles e das duras loitas do deserto) son os espazos emocionais do libro, que é unha historia de identidade, amor e aventura, narrada cun estilo rápido, eficaz e poético, intelixentemente documentado, que puxo en galego o profesor e crítico literario Ramón Nicolás.

O tradutor, o editor (Víctor F. Freixanes) e a autora participaron no acto literario. A aparición de "A fin da terra" prodúcese ao mesmo tempo en galego (Galaxia) e en castelán na Arxentina (Sudamericana) e será unha das novidades da Feira do Libro de Bos Aires, que se celebra no próximo mes de abril. Daquela presentarase tamén a edición en galego entre a comunidade galega na capital arxentina.

Compartir na redes sociais: