O pasado sábado, no Círculo das Artes de Lugo, a Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega celebraban a súa anual Gala das Letras nas que, ademais de recoñecer os mellores libros do ano pasado a xuízo dos socios e socias da AELG, se entrega o premio OS BOS E XENEROSOS ás persoas ou colectivos que teñan destacado ao longo do tempo na defensa da lingua galega.
Desta volta, a Asamblea da AELG decidiu recoñecer a todas e todos os xornalistas que, dende décadas, incluso dende os tempos do franquismo, están a pelexar pola existencia dun xornalismo en lingua galega. A Asociación quixo centrar o seu recoñecemento nas figuras de Manuel Lombao, Xosé María Palmeiro, Tareixa Navaza e Margarita Ledo Andión, autora da que, hai escasas semanas, publicabamos o seu libro-cinema A CICATRIZ BRANCA.