Máis aló do azul e do rosa en La Voz de Galicia

Categoría: Nova

Hoxe en “La Voz de la Escuela”, o suplemento de La Voz de Galicia anúnciase a saída do libro Máis aló do azul e do rosa, un manual práctico para que pais e nais eduquen en igualdade. Lémbrase ademais que a próxima presentación farase na Coruña, o vindeiro mércores 1 de febreiro ás 19.30h na librería Moito Conto, e o día 8 ás 20.00h na libraría Biblos de Betanzos.
Malia todo o que se avanzou nos últimos anos en cuestión de igualdade entre homes e mulleres, queda aínda moito camiño por andar. E boa parte desa andaina ten que facerse dende o ámbito doméstico, dende as casas, dende a acción educativa das nais e dos pais. Non é un labor doado, porque os medios de comunicación, e tamén os de ocio (cine, videoxogos…) insisten en perpetuar unha imaxe estereotipada da muller, idealizando a súa beleza e cousificando a súa sexualidade. Mais dende o fogar podemos facer moito. A autora ofrécenos dunha maneira sinxela e moi clara estratexias concretas para previr a desigualdade de xénero e a violencia machista dende a familia.
No libro desenvólvense claves fundamentais para educar en igualdade que se atopan nas cinco partes nas que se divide: 1. De que estamos a falar? 2. Que podemos facer como pais e nais para educar en igualdade e previr a violencia machista dende a casa? 3. O meu home maltrátame, pero é un bo pai para os seus fillos… non si? 4. Socorro, teño adolescentes machistas na casa! 5. En resumo: dez características das familias que educan en igualdade.
Ana Torres Jack é licenciada en Psicoloxía e Máster en Medios de Comunicación. Desde 1998 exerce como orientadora educativa nas etapas de infantil, primaria e secundaria. É colaboradora de La Voz de Galicia, medio no que publica cada semana artigos dirixidos a familias dentro do suplemento “La Voz de la Escuela”. É autora do libro Orientación Educativa: 100 claves para pais e profesores publicado por Biblioteca Galega. Creadora da sección web “Os fillos: instrucións de uso” dentro da canle educativa da Fundación Barrié, onde publicou series monográficas con enfoque práctico dedicadas á estimulación da intelixencia e o talento, o desenvolvemento físico, emocional e intelectual e a creatividade, entre outros.

Compartir na redes sociais: