Estes días celebramos a saída de catro novos libros na Colección Árbore, co desexo de facer que os pequenos e as pequenas desfruten lendo.
Para este tempo de inverno unha folerpa de poesía cae sobre nós con Versos para conversar, poesía para ler e entender o mundo, poesía para saber como se nomean as cousas. Tamén para recitar e falar. Versos delicados que escribiu Xoán Carlos Domínguez Alberte e que pintan de cor as cousas todas. Unha nova aposta para que o público infantil se achegue a este xénero.
Unha historia chea de sensibilidade é a que nos ofrece María Canosa en O neno inverno, a historia dun neno especial, dun lobo doente. A comunicación entre dous corazóns magoados.
Marcos López Concepción estréase na literatura con Pituxa, a fantástica nena da caca de ouro (escrita por un bolígrafo) é a historia dunha nena á que ninguén lle fai caso, entre outras cousas, porque a súa familia é moi pobre. Un día, de súpeto, comeza a facer unha caca moi especial. De ouro! E, de súpeto tamén, todos a queren, especialmente certos banqueiros e algunhas persoas emocionadas.
E entre as novidades publicamos o premio Onetti de Literatura Infantil Xuvenil 2014, O enigma de Mona Lisa, un texto de María Noel Toledo que conta a historia de Mariel que, na súa aventura de explorar o faiado dos seus avós na procura dun vestido antigo, atopa o intimidante retrato do tío Alfonso, cuns ollos que a seguen onde queira que vaia. Aparecen cartas de amor e a tarxeta doutra muller que non é a avoa, unha talMona Lisa, da que o avó pareceu namorarse no seu día. Comeza a investigación. E un partido de fútbol con equipos mixtos, cheo de paixón…
Literatura para crecer e para soñar! Historias e versos para este Nadal!