Francisco Castro novo director da Editorial Galaxia

Categoría: Nova

O Consello de Administración de Editorial Galaxia S.A. acordou nomear por unanimidade a Francisco Castro Veloso novo director xeral da editora. Sucede neste posto a Víctor Fernández Freixanes, quen continuará na empresa como conselleiro, director da revista GRIAL (compartida con Henrique Monteagudo) e presidente da Fundación Otero Pedrayo.
Víctor Fernández Freixanes (Pontevedra, 1951) accedeu á dirección xeral de Galaxia en 2002, cando o falecemento de Carlos Casares, anterior director xeral. Profesor Titular de Comunicación da Universidade de Santiago de Compostela, escritor, novelista, académico de número na Real Academia Galega, foi anteriormente director xeral de Edicións Xerais de Galicia (1987), conselleiro delegado da mesma empresa ata 1998, director xeral de Edicións do Grupo Anaya e director xeral de Alianza Editorial.
Francisco Castro Veloso (Vigo 1966), licenciado en Filosofía e escritor, entrou en Editorial Galaxia no ano 2008 como editor, responsable das estratexias de comunicación e creación de novos proxectos. Nunha primeira etapa desenvolveu a súa actividade na empresa Merlín Comunicación, encargada de exposicións e actividades culturais dentro do grupo Galaxia, para centrarse posteriormente na edición para o lectorado máis novo.
Francisco Castro é licenciado en Filosofía e autor dunha ampla obra literaria con títulos tan coñecidos como Spam, O segredo de Marco Polo, Tes ata as 10, ou Amor é unha palabra como outra calquera. Entre outros recoñecementos recibiu o Premio Lueiro Rey (1997), o Premio Modesto Figueiredo de narracións breves (2005), o Premio Blanco Amor (2006), o Premio Manuel García Barros (2007), o Premio Frai Martín Sarmiento en cinco ocasións, o Premio de novela por entregas de La Voz de Galicia en 2013, e foi nomeado na lista de Honra do IBBY en 2012 pola súa obra Chamádeme Simbad.
Con este nomeamento a Editorial Galaxia pretende continuar co espírito co que naceu o proxecto en 1950 e, ao mesmo tempo, abrir unha etapa de renovación marcada polos novos tempos e desafíos editoriais.

Compartir na redes sociais: