Libros para unha sociedade mellor

Categoría: Nova

Este 23 de abril celébrase o Día do Libro. E en telexornais, periódicos e demais medios de comunicación, o libro terá un protagonismo especial. E serán moitas as voces, sinceras, que falarán da importancia do libro e da lectura na nosa sociedade, na educación dos cativos e cativas, etc.
Nada que non saibamos e que non levemos décadas predicando.
Outra cousa é que os poderes públicos só se lembren do libro o día no que celebramos a súa festa. Outra cousa é que só se escoiten durante as campañas electorais fermosas promesas que falan de crear bibliotecas, de apoiar aos libreiros e libreiras, de coidar o sector editorial.
O libro merece ter 365 días ao ano. 366 se é bisiesto.
Porque unha sociedade lectora é unha sociedade máis democrática e máis afastada da tentación dos fanatismos. Porque unha sociedade que ten entre os obxectos a valorar o libro, é unha sociedade que ten máis posibilidades de aprender a atopar solucións ás crises e outros desbaraxustes desta cronoloxía complexa na que a día de hoxe vivimos.
O tópico di que hai que fixarse en sociedades como a finlandesa, ano tras ano sacando os mellores resultados no famoso Informe PISA. Por que o traemos hoxe aquí? Porque a explicación que todos os especialistas nos ofrecen para explicar ese éxito, é que o sistema educativo gravita non arredor dos ordenadores ou outros "manás" cos que as veces queren seducirnos os vendedores de fume. Sobre o que gravita, sen fisuras e implacablemente, é arredor da Biblioteca e do Libro.
Feliz Día do Libro para todas e para todos.

Compartir na redes sociais: