Libros dixitais en galego

Categoría: Nova

A edición dixital en galego segue avanzando. Editorial Galaxia puxo no mercado nos últimos meses case un cento de títulos, clásicos e contemporáneos, para a descarga dixital. Unha parte moi importante do crecemento da oferta editorial do ano 2010 (un 28,6 % máis ca no ano anterior) débese a esta iniciativa da nosa editora, que traballa na construción dun catálogo propio para as novas tecnoloxías.

A través das páxinas de Google Books pódese visitar todo o noso catálogo, e para o próximo ano preparamos novas descargas "na nube" en colaboración con esta plataforma internacional. Serán novedades para o próximo ano 2012.

Malia as dificultades dos tempos, a oferta do libro galego segue crecendo. No 2010, publicáronse nesta lingua 2.028 títulos. O 77,2% dos libros editados no noso idioma proceden da empresa editorial privada, asociada na AGE (Asociación Galega de Editores), unha parte cada vez maior en libro dixital.

O libro dixital é un fenómeno en alza, con resultados económicos aínda escasos, pero irreversible. EEUU vai á cabeza destes consumos. O 50% dos lectores potenciais de libros nos Estados Unidos dispoñen de soportes electrónicos para a lectura, segundo cifras dos técnicos de Google. Non é o caso de España, onde a facturación do libro dixital acadou no ano 2010, 70,5 millóns de euros, contra unha facturación xeral de 2.891 millóns. Pero esta liña de consumo medra, e o libro galego non pode ficar á marxe das novas tecnoloxías. Este é un obxectivo estratéxico de Editorial Galaxia para os próximos anos, que traballa dende hai tempo no deseño e construción dunha plataforma específica para este tipo de produtos.

Compartir na redes sociais: