Publicado por primeira vez a fins de 1990, con el o autor de 'Os ciclos do bambú' obtivo o Premio da Crítica española. Esta nova edición, coa que se celebran os vinte anos do debut literario de Queipo, convida a unha nova lectura dun dos títulos que iniciaron a renovación da narrativa galega na última década do século XX.
A cada unha das diferentes seccións do libro, baixo epígrafes coma 'Ártico', 'Outros mares' e 'Terra adentro', engádeselles nesta nova edición, titulada Ártico 2.0, un conto inédito mentres que a parte titulada "Terranova" abrolla como novidade absoluta con tres relatos non incluídos anteriormente no libro. Todo o conxunto compleméntase cun texto arredor de "Algunhas reflexións sobre literatura e mar". A experiencia viaxeira do autor, o seu coñecemento da historia do mundo mariño, e a súa ollada curiosa, redescobren aos lectores aspectos imprevisibles, relatos inauditos, realidades e seres misteriosos.
No acto de presentación, o autor do libro estivo a compañado polo escritor e tradutor Gonzalo Navaza e polo seu editor, Carlos Lema.