Autores como Domingo Villar verán publicadas a súa nova obra, 'Cruces de pedra' nestes primeiros meses deste 2012 que vén cargado de páxinas interesantes. Será polo mes de Abril cando os seguidores de Leo Caldas poderán asistir ás pesquisas do detective vigués nun novo enigma a desentrañar. Deste xeito, a exitosa saga que comezou en 2006 con "Ollos de auga" e continuó en 2009 con "A praia dos afogados" chega á súa terceira entrega. Na mesma colección verán a luz as novelas "Da máquina", de Alberto Lema, "Esperando o leiteiro", de Xosé Neira Vilas, "Morgana en Esmelle", de Begoña Caamaño e "Diario de inverno". de Paul Auster, entre outras.
Protagonismo importante terá Valentín Paz Andrade, a quen este ano dedicamos o Día das Letras Galegas. Entre outros textos que publicaremos, cómpre destacar a completa biografía que está a preparar para a nosa editorial Xan Carballa.
Nas lecturas para os máis mozos, o ano arrincará coa novela xuvenil de Eduardo Santiago, "2044", historia de ciencia ficción onde os límites entre o que é un video-xogo e a realidade non están nada claros. Para os máis pequechos, Pinto & Chinto publican "Os Xogos Olímpicos de Ningures", un mollo de simpáticas probas atléticas, a cada cal máis disparatada que se celebran no País de Ningures. Tamén para os máis pequenos da casa, dous debúts literarios como son os de Roi Médez (Contos para ir durmir) e Clara do Roxo (A princesiña que quería conducir unha locomotora).
Finalmente, e escrito a catro mans, Fina Casalderrey e Francisco Castro asinan xuntos 'O neno can', cinco relatos centrados nos dereitos da infancia.