Juan Luis Saco Cid, ourensán, vencellado dende a infancia á figura de Ramón Otero Pedrayo, latinista, catedrático de ensino medio, que ata agora viña participando na Comisión Executiva da institución, foi elixido por unanimidade do Padroado novo Presidente da Fundación Otero Pedrayo. Substitúe no posto a Víctor F. Freixanes, que na súa condición de Presidente da Real Academia Galega, pasa a ser Presidente de Honra da Fundación.
O Padroado aprobou tamén unha liña de traballo de recuperación do xardín e contorna da Casa Grande de Cimedevila, proxecto que será financiado pola Consellería de Cultura e a Dirección Xeral de Patrimonio Histórico. Asemade, o novo equipo executivo comprométese á actualización dos estatutos da Fundación para unha maior actividade e eficiencia da mesma e unha maior proxección en Ourense. Logo de recibir achegas e propostas de distintas institucións, nos próximos días a Xunta de Goberno fará pública a persoa á que este ano se lle concede o Premio Trasalba.