O pasado venres inaugurouse na Fundación Penzol, na Casa Galega da Cultura de Vigo, a mostra ‘Fermín Penzol. Unha obra para un país’, que é posible grazas a colaboración entre a Xunta de Galicia, o Concello de Vigo e a propia Fundación, e que celebra os 50 aniversario da constitución e da inauguración da Fundación Penzol. A mostra estará aberta ao público ata o 26 de maio de 2013.
Na inauguración da mostra, interviñeron o conselleiro de cultura e educación, Xesús Vázquez Abad, o alcalde de Vigo, Abel Caballero, o presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero, o presidente da Fundación Penzol, Alfonso Zulueta de Haz e o comisario da exposición, Henrique Monteagudo.
A mostra configúrase como unha conmemoración dedicada ao galeguista vigués, un home que concretou a súa paixón por Galicia e polo galego no abastecemento dun fondo documental inigualable sobre Galicia que xa é punto de consulta imprescindible para calquera que desexe ter información sobre a lingua, a historia e a realidade socioeconómica da comunidade.
A través da biblioteca e o arquivo da Fundación Penzol, Galicia ábrese ao mundo mediante un dos máis importantes patrimonios bibliográficos e documentais de temática galega. A Biblioteca recolle en total máis de 42.000 libros impresos datados desde o século XV, 106 libros manuscritos, medio milleiro de diplomas en pergameo e papel, 60 mapas e planos antigos, 700 caixas de documentos de arquivo e uns 2.370 títulos de publicacións periódicas desde o século XIX.
Os comisarios da mostra, Henrique Monteagudo e María Dolores Cabrera, estruturan a exposición arredor de tres núcleos temáticos. Por unha banda, o primeiro nivel do recinto expositivo realiza unha retrospectiva biográfica sobre Fermín Penzol, a súa personalidade e o sentido da súa bibliografia no contexto do seu compromiso con Galicia. Noutra sala, a exhibición afonda no significado histórico da Fundación Penzol e no seu papel dentro da resistencia cultural galega durante os ‘anos escuros’. Por último, ‘Fermín Penzol. Unha obra para un país’dedica un terceiro espazo á Biblioteca Penzol, o legado que o galeguista deixou a Galicia na cidade de Vigo.