Inaugurada en Tui a exposición O LECER DAS AUGAS. HISTORIA DOS BALNEARIOS DE GALICIA

Categoría: Nova

A mostra 'O lecer das augas. Historia dos balnearios de Galicia’, producida por Merlín Comunicación-Editorial Galaxia, está promovida pola asociación Balnearios de Galicia e a Cámara Oficial Mineira de Galicia.

Presenta en 12 paneis informativos unha ampla panorámica do termalismo en Galicia, desde os tempos da romanización, pasando polos balnearios tradicionais da época liberal, a Restauración, a ditadura de Primo de Rivera ata o tempo da República. Capítulo á parte dedícase á recuperación dos balnearios galegos durante a transición, sen esquecer aspectos como a vida cotiá dos bañistas e a arquitectura dos balnearios. O actual tecido empresarial, as augas embotelladas e outras actividades industriais relacionadas co sector tamén se tratan na mostra.

Compleméntase a mostra con vitrinas que fornecen unha ampla documentación e bibliografía. Tamén se presentan pezas relacionadas coa actividade balnearia e produtos dela derivados.

A mostra foi comisariada por Luís Alonso Álvarez, Margarita Vilar Rodríguez e Elvira Lindoso Tato, autores tamén do libro do mesmo título, que Galaxia publicou en febreiro deste ano 2011.

'O lecer das augas’ foi inaugurada o día 3 de agosto nun acto no que interviñeron Xosé Manuel Soutullo, director de produción de Editorial Galaxia, Luís Alonso Álvarez, comisario da exposición, Benigno Amor, xerente de Balnearios de Galicia, e o alcalde de Tui, Moisés Rodríguez Pérez.

Compartir na redes sociais: