O escritor xaponés Haruki Murakami terá temporalmente unha web na que a partir do próximo 15 de xaneiro comunicarase por escrito cos seus lectores. O portal, chamado «Murakami san non tokoro» («O espazo do señor Murakami»), estará aberto do 15 ao 31 de xaneiro para recibir preguntas e consultas que o escritor responderá ata marzo.
Á web ( http://www.shinchosha.co.jp/murakamisannotokoro) pódense enviar consultas sobre os seus traballos, sobre a súa opinión con respecto a un tema, sobre o seu tempo libre, lugares favoritos (ou aqueles que non lle gustan) ou ao redor de gatos -animal favorito de Murakami- e o seu equipo predilecto de béisbol, os Yakult Swallows de Tokio. Será o primeiro consultorio online que abre o escritor nacido en Kioto -que xa tivo antes diferentes portais para falar cos seus seguidores- en nove anos.