Grial celebrou o seu medio século en Vigo

Categoría: Nova

Este mércores celebrouse un acto na Feira do Libro de Vigo para conmemorar o medio século de vida da revista Grial.
Abriu o acto un dos directores da publicación, o escritor Víctor F. Freixanes, quen fixo un percorrido pola historia da revista dende a súa fundación hai medio século até a actualidade. Apuntou tamén os retos de futuro e os desafios aos que Grial se verá abocada nos anos que virán. Aproveitou a ocasión, tamén, para explicar o funcionamento interno da publicación, dende a escolla do tema central ata o desenvolvemento de todas e cada unha das seccións.
Membros do Consello de Redacción como Uxío Labarta, Carlos Fernández ou Domingo Docampo explicaron como chegaron eles a Grial hai moitos anos e o que supón para cada un deles participar tan activamente nos seus contidos e edición. Uxío Labarta, por exemplo, sinalou como soubo da revista xa no ano 1972 da man de Francisco Fernández del Riego. Carlos Fernández reflexionou sobre o libro electrónico e os cambios que, a nivel global, implican as novas formas de Cultura e o papel que a nosa revista vai cumprir no futuro. Pola súa banda, Domingo Docampo comentou na súa intervención os grandes valores que sempre representou Grial e aos que debe de seguir sendo fiel, incorporando con normalidade as achegas que os novos tempos permitan.
Pechou o acto o investigador e poeta Xurxo Martinez, colaborador asiduo de Grial quen centrou a súa intervención no desexo que as xeracións máis novas teñen de seren quen de saír mantendo aceso o facho de Grial. Lembrou o papel dos fundadores e o camiño que eles abriron e que agora se pretende continuar.
Entre o público estaba tamén un dos primeiros colaboradores da revista, o actual presidente da Real Academia Galega, Xesús Alonso Montero.

Compartir na redes sociais: