Xaime Illa Couto e Francisco Fernández del Riego proxectaban entre nós o lucir do carácter e do espírito fraternal do traballo a prol da cultura galega. Aquela educación de irmandade recibida no Partido Galeguista. E resistiron á guerra para seguir na loita e entregarnos ofrendas intelectuais como Grial. Xurdiu entón un espazo de vontade universalista (dío o subtítulo “Revista galega de cultura”) e de expansión da nosa arte. En tantas páxinas creouse un fío da urdime que une xeración tras xeración, a dos Vicente Risco, Otero Pedrayo ou Carvalho Calero até os investigadores máis recentes. Así elabórase a espiral do tempo desta nación granítica.
Os retos son variados pero estamos certos que apostar pola mestizaxe de temáticas, con seccións fixas (economía, sociedade, ciencia, TIC…), garante un público moi diverso que terá ao alcance reflexións para o debate comunal. Todo en galego porque así o expresamos como un acto natural de integración na diversidade mundial.