Cando xa vai case que un mes dende que anunciamos a oferta de prevenda do libro de James Joyce, 'Ulises', que en breve estará nos andeis de todas as librerías do país, constatamos o grande interese suscitado pois son moitos os lectores e lectoras que se acolleron a esta posibilidade de conseguir este clásico da literatura universal a un prezo moito máis económico. O prezo nas librerías será de 40 euros pero os que se acollan a esta oferta de prelanzamento, por só 30 euros (enviando un correo electrónico ao enderezo pedidos@editorialgalaxia.com) gozarán dunha oportunidade única para adquirir a un prezo económico un título que non pode faltar nos andeis de todas as casas e que agora podemos ler, nunha coidada edición nun volume de 1000 páxinas, por fin na nosa lingua.
Durante oito anos, un equipo de tradutores composto por Eva Almazán, María Alonso Seisdedos, Xavier Queipo e Antón Vialle, traballaron, coordinados por Carlos Lema, director de edicións de Galaxia, na versión en lingua galega dunha das grandes obras da narrativa contemporánea. Estamos diante dun acontecemento para as nosas letras que implica poñer ao alcance dos lectores e lectoras do noso país, un libro de referencia que xa foi soñado no seu día, na nosa lingua, polos membros da Xeración Nós. Otero Pedrayo publicou en 1926 algúns capítulos en galego na revista Nós.